Esta actividade, organizada ao abeiro da Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy-USC, procura promover a participación activa das mulleres en campos das ciencias e tecnoloxías tradicionalmente copados por homes

Destacadas profesionais do mundo da tecnoloxía, a enerxía, a mobilidade ou a enxeñería compartirán as súas experiencias e disertarán sobre as novedades das súas disciplinas no marco do 'II Seminario Mujeres STEM e Transición Enerxética: avanzando cara a un futuro sostible', que se celebrará o vindeiro xoves, 28 de setembro, na Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da USC dentro das actividades organizadas pola Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy-USC.
Promover a participación activa das mulleres en campos tradicionalmente copados por homes é o principal obxectivo deste evento que regresa á facultade compostelá tras o éxito alcanzado na súa primeira edición.
Deste xeito, a Cátedra Genesal Energy-USC volve reunir a mulleres líderes en distintos campos STEM -acrónimo en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas- para que nos ofrezan a súa visión sobre os cambios que nos esperan no contexto da transición enerxética.
Retos, obxectivos e como inscribirse
Coa celebración deste encontro, a Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy-USC mantense fiel á súa estratexia de ser un espazo para que científicas, directivas, enxeñeiras e investigadoras expoñan nun foro de diálogo os retos e obxectivos alcanzados en postos de responsabilidade e en sectores onde a presenza feminina aínda non chega ao 30%.
O programa do II Seminario Mujeres STEM e Transición Enerxética: avanzando cara a un futuro sostible está formado por Silvia Fernández, Project Manager da Zona Norte de Eurofred Group; Raquel Maquieira CEO da consultora 91 graos; Elena Echeverría, xefa do departamento de Seguridade Industrial de Galicia en Applus; Susana Benedicto, coordinadora de Transformación na refinería Repsol da Coruña; Julia González, directora da ETSE; Ángeles Ríos, directora de Orona en Galicia; e Antía Míguez e Esther Zugasti, tecnóloga de I+D e responsable da Oficina de Transición Enerxética de Genesal Energy, respectivamente.
O encontro celebrarase o vindeiro 28 de setembro, de 10.00 a 13.30 horas, no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da USC e está dirixido a toda a comunidade universitaria e as persoas interesadas na transición enerxética. A asistencia é gratuíta e as inscricións pódense realizar en liña ata completar capacidade.