A asistencia é de balde previa inscrición ata o 24 de abril.

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía desenvolverá o 25 de abril un encontro no que se tratarán os beneficios do uso da lingua galega con pacientes no ámbito profesional.
As II Xornadas sobre bilingüismo: o valor do galego na actividade profesional terán lugar no salón de actos do centro en horario de tarde, comezando cunha intervención do profesor Castor Méndez Paz, que presentará o proxecto terminográfico ‘Dicionario de termos de Psicoloxía’ desenvolvido pola Comisión de Normalización de Psicoloxía e a Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC.
A seguir, Marcos Díaz López, da Universidade de Deusto, falará de como o idioma empregado pode afectar á toma de decisións. Para pechar a xornada, as psicólogas Encarna Álvarez Gallego e Mª Carmen González Hermo tratarán nunha mesa de experiencias como afecta na práctica clínica o uso do galego e a súa utilidade.
A asistencia é de balde previa inscrición, que pode cursarse ata o 24 de abril a través da Secretaría Virtual da USC para os membros da comunidade universitaria e a través dun formulario para as persoas de fóra.
