Ir o contido principal

III Encontro de axentes socioeducativos 'Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural'

15.06.2022 | 10.00h-18.00h

Santiago de Compostela

Estudantes, profesorado e colectivos sociais e ambientalistas do rural danse cita para tender pontes entre a universidade e o medio rural

III Encontro de axentes socioeducativos 'Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural'
III Encontro de axentes socioeducativos 'Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural'

O vindeiro mércores 15 de xuño celebrarase no Centro de Estudos Avanzados o III Encontro de axentes socioeducativos Arredor do Rural. Esta é a terceira reunión dunha iniciativa chamada Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural que pretende tender pontes entre o sistema educativo e as nosas aldeas e vilas para fomentar un diálogo de saberes entre o popular-local e o académico e visiblizar posibles proxectos de futuro para as persoas que se van a formar. Estas motivacións teñen as súas raíces na construción da sustentabilidade, posto que pretenden aproveitar o saber das comunidades rurais para a xestión responsable e xusta dos seus ecosistemas e motivar ás futuras e futuros egresados a participar desta.

Neste encontro, liderado polo GI-ESCULCA, expoñeranse e valoraranse as diferentes actividades desenvoltas pola rede este curso, que fundamentalmente consistiron en proxectos educativos de aprendizaxe-servizo. Esta metodoloxía docente, que integra obxectivos de formación con aqueles de intervención social e/ou ambiental é a principal ferramenta de construción de pontes entre contextos ata o de agora, mais no seguinte encontro exploraranse outras novas, como é a da investigación-acción participativa.

Ademais das diferentes exposicións de experiencias e propostas para o vindeiro curso, haberá tempo para incidir especialmente na creación de rede, cunha mostra de Saberes e Accións dos colectivos, así coma un xantar compartido ofrecido pola Asociación Darredor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2022.