Ir o contido principal

III Seminario de Mulleres STEM ‘Innovación e Liderado na Transición Enerxética’

18.09.2024 | 10.00h

Santiago de Compostela
ETSE

Organizado pola Cátedra de Transición Enerxética GENESAL Energy, porá o foco no papel crucial da muller na innovación tecnolóxica, o desenvolvemento de enerxías renovables e a toma de decisións estratéxicas que marcan a diferenza

O seminario desenvolverase na ETSE. Foto: Santi Alvite
O seminario desenvolverase na ETSE. Foto: Santi Alvite

O Seminario de Mulleres STEM da Cátedra de Transición Enerxética GENESAL Energy, chega a próxima semana á súa terceira edición poñendo o foco nesta ocasión en como as mulleres están impulsando a transición ata un futuro enerxético máis sostible e eficiente, liderando proxectos que están marcando a diferenza.

O III Seminario de Mulleres STEM ‘Innovación e Liderado na Transición Enerxética’ desenvolverase o vindeiro 18 de setembro na ETSE como un espazo para o intercambio de ideas, retos e solucións, co obxecto de inspirar as futuras xeracións de mulleres STEM e fomentar a igualdade de oportunidades.

O seminario desenvolverase en horario de 10.00 a 13.30 horas no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC. Dirixido a toda a comunidade académica universitaria así como a profesionais e persoas interesadas na transición enerxética. Para asistir é preciso inscribirse.

O programa do encontro conta coa participación da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, Margarita Ardao; da enxeñeira de procesos de Lonza, María Francisco; da responsable de Delegacións e Desenvolvemento de Negocio de ANPASA, Rocío Lourenco; da xefa de Departamento de Desenvolvemento Portuario e de Negocio do Porto da Coruña, Irene Souto; da técnica en Desenvolvemento de Renovables de Naturgy, Sabela Muñoz; da directora de Desenvolvemento de Negocio de INSTRA Ingenieros, Laura Rodríguez Couce; e da directora de proxectos do Grupo Saesa, Ana Paola Purizaca.

Todas elas explorarán, a través das súas experiencias e retos superados no eido da transición enerxética, o papel crucial da muller na innovación tecnolóxica, o desenvolvemento de enerxías renovables e a toma de decisións estratéxicas nun mundo en constante cambio.
 

Cartel coas relatoras
Cartel coas relatoras
Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2024.