Ir o contido principal

As III Xornadas sobre o Paleolítico no Noroeste abordan desde o Courel a vida dos derradeiros neandertais

28/07/2022 - 9.30 horas

O curso da Universidade de Verán 2022 dirixido por Arturo de Lombera, investigador do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, bota a andar este xoves 28 nas instalacións da Estación Científica do Courel

Cartaz das xornadas
Cartaz das xornadas

As III Xornadas sobre o Paleolítico no Noroeste, un programa dirixido polo investigador do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, Arturo de Lombera, incluído na Universidade de Verán 2022, aborda desde este xoves ata o 31 de xullo os modos de vida, as manifestacións artísticas e a simboloxía dos derradeiros neandertais.

As xornadas, estruturadas en 30 horas de formación repartidas ao longo de catro días, dan continuidade á temática ligada coas investigacións arqueolóxicas en Cova Eirós xa tratada nos cursos desenvolvidos en Triacastela entre 2010 e 2017, ao tempo que pretenden afondar no estudo das últimas comunidades de neandertais que poboaron Europa Occidental.

Os distintos relatorios organizados no marco desta actividade formativa e de divulgación xirarán de cuestións relevantes do Paleolítico medio na Península Ibérica (paleoambente, paleoantropoloxía, arqueoloxía, etc.), estratexias de subsistencia, xestión de recursos..., primeiras manifestacións artísticas e simbólicas no rexistro humano, tales como rituais funerarios, así como o tránsito dos derradeiros neandertais entre o Paleolítico medio o superior nos distintos territorios peninsulares ata a súa desaparición e a expansión das primeiras comunidades de Homo sapiens.

Os relatorios incluídos no programa deste curso da Universidade de Verán da USC correrán a cargo de especialistas da Península Ibérica que lideran proxectos de investigación relacionados co estudo do modo de vida dos Neandertais, relatores que ofrecerán unha visión multidisciplinar e divulgativa respecto deste período da Prehistoria.

O curso, organizado pola USC xunto co Institut Catalá de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES-CERCA), conta tamén como entidades colaboradoras coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o GDR Ribeira Sacra-Courel, o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel e o Ministerio de Ciencia e Innovación. O programa deste seminario estival da USC, cuxo programa está accesible en liña, comeza este xoves, a partir das 9.30 horas, cunha charla de presentación a cargo de Ramón Vila.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.07.2022.