Ir o contido principal

Inauguración da Cátedra Institucional Rosalía de Castro

05.07.2024 | 12.30h

Santiago de Compostela
Salón Nobre

Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite

Este venres 5 de xullo terá lugar a partir das 12.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a inauguración da Cátedra Institucional Rosalía de Castro da USC, cuxa creación foi aprobada no Consello de Goberno da USC do mércores 11 de outubro. Preside o acto o reitor Antonio López, quen estará acompañado pola secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora da Cátedra, María do Cebreiro Rábade Villar, e o codirector da Cátedra, Fernando Cabo Aseguinolaza.

A Cátedra dedicarase ao estudo académico e crítico da obra e da figura da escritora nas súas múltiples dimensións, buscando reforzar a súa proxección e coñecemento tanto no ámbito galego e peninsular como internacional. A intención de promover achegas sobre a autora dende perspectivas e paradigmas renovadores será unha prioridade, pero sen esquecer a atención a aspectos máis tradicionalmente filolóxicos. A Cátedra é froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude.

No mesmo acto concedéraselle a Insignia de Ouro da USC a Catherine Davies, quen ofrecerá a lección inaugural 'Rosalía de Castro e Cuba'. Catherine Davies é na actualidade profesora emérita da Universidade de Londres, cargo co que culmina unha longa carreira académica nas universidades de St Andrews, Manchester, Nottingham e Queen Mary. O seu labor investigador céntrase na historia cultural e literaria de España e Hispanoamérica nos séculos XIX e XX. A obra e o contexto socio-ideolóxico de Rosalía de Castro constituíu unha das liñas básicas do seu traballo desde a realización da súa tese de doutoramento, que defendeu na Universidade de Glasgow en 1984.

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2024.