Ir o contido principal

Inauguración do I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias ‘Sostendo emocións nas Emerxencias’

03.05.2024 | 10.30h

Santiago de Compostela

Trátase dunha cita científica pioneira dentro desta disciplina no conxunto do Estado

Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite

O I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias ‘Sostendo emocións nas Emerxencias’ desenvolverá o venres 3 de maio a súa sesión inaugural no Colexio de Fonseca, organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Será o reitor Antonio López quen presida ese acto de apertura ás 10.30 horas, xusto a continuación da conferencia inaugural ‘Sobre o valioso e os riscos, máis alá do evidente, na intervención psicolóxica profesional en catástrofes e emerxencias’ e cargo de Miguel Anxo García Álvarez. Exceptuando esta sesión matinal do venres, o resto do congreso desenvolverase na Facultade de Psicoloxía.

Neste congreso, pioneiro dentro da Psicoloxía de Emerxencias no conxunto do Estado, daranse cita profesionais para expoñer coñecementos e compartir experiencias sobre diversos aspectos da atención psicolóxica nas situacións de emerxencia. Durante tres días, do 2 ao 4 de maio, abordarase  a importancia da intervención psicolóxica en emerxencias para axudar ás persoas e ás comunidades a facer fronte e integrar o impacto dunha situación crítica nas súas vidas, promovendo a súa resiliencia. Tamén é esencial considerar o coidado das persoas intervintes en situacións de emerxencia tanto dos propios profesionais da psicoloxía como doutros corpos de intervención, xa sexan policías, bombeir@s, Protección Civil ou o persoal sanitario.

A pesar de ser un ámbito de intervención relativamente recente, cos seus inicios en 1970, a Psicoloxía de Emerxencias está presente hoxe en día en situacións críticas como o terrorismo, a violencia de xénero, os accidentes con múltiples vítimas, os suicidios, os accidentes de tráfico e laborais, os naufraxios, as desaparicións, os desastres naturais e outras temáticas, nas que se afondará con novas achegas de distintos profesionais.

Desde o Comité Organizador animan a participar activamente a través do intercambio de coñecementos e experiencias e convidan a compartir os mellores proxectos, situacións de intervención, modelos de traballo e a actividade investigadora, ben sexa en formato de comunicación oral, audiovisual ou póster.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2024.