Ir o contido principal

Inauguración do curso 2024-2025 de ESTALMAT-Galicia

21.09.2024 | 11.00h

Santiago de Compostela
Aula Magna

Interior da Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
Interior da Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite

Este sábado 21 de setembro, a partir das 11 horas terá lugar na Aula Magna da Facultade de Matemáticas o acto de inauguración do curso 2024-25 do Proxecto ESTALMAT-Galicia, que ten como obxectivo o estímulo do talento matemático. O acto de apertura do curso estará presidido pola vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera; a decana da Facultade de Matemáticas e presidenta do Programa, Elena Vázquez Cendón; o director de ESTALMAT, Manuel de León; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Judith Fernández Novoa; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo Queijo; a deputada provincial da Coruña Mar García Vidal; o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; e en representación do colectivo docente profesorado do IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela: Marga Botana, Marga Anta e o vicedirector Guillermo Fernández.

A presentación da 17ª Promoción faraa a secretaria do Comité Organizador de ESTALMAT-Galicia, Marina Germiñas Miguens (IES Aquis Celenis-Caldas De Reis). Esta promoción está integrada por 6 mozas e 19 mozos de 12 e 13 anos, que asistirán a este encontro xunto cunha representación das súas familias. Tamén estarán acompañados por autoridades académicas, patrocinadores do proxecto, representantes do ensino medio dos seleccionados e membros do equipo docente do proxecto. Ao final do acto recibirán material facilitado polos patrocinadores e colaboradores de man das autoridades e seguidamente sairán en autobús para un campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella no concello de Vilarmaior (A Coruña), que supón unha toma de contacto entre participantes no programa nun ambiente lúdico-matemático.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2024.