Ir o contido principal

Inauguración do curso 2025-26 do Proxecto ESTALMAT-Galicia

04.10.2025 | 11.00h

Santiago de Compostela
Aula Magna

Facultade de Matemáticas. Foto: Santi Alvite
Facultade de Matemáticas. Foto: Santi Alvite

O curso 2025-26 do Proxecto ESTALMAT-Galicia, que ten como obxectivo o estímulo do talento matemático, iníciase o sábado 4 ás 11:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. A décimo oitava promoción confórmana 9 alumnas e 16 alumnos, que logo da apertura marcharán cara a un campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Concello de Vilarmaior na Coruña.

A inauguración presídea a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera, e nela participan tamén o decano da Facultade de Matemáticas, Alberto Cabada Fernández; a presidenta do Programa, a profesora Elena Vázquez Cendón; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo Queijo; a deputada das áreas de Política Social, Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Mª del Mar García Vidal; e Carlos Vaquero Cervino, docente de matemáticas en secundaria no IES de Coruxo en representación do profesorado que motiva o alumnado a presentarse ás probas. A presentación da 18ª promoción correspóndelle á coordinadora das familias de ESTALMAT-Galicia, Mª Trinidad Pérez López, do IES Antón Fraguas.  

No campamento ao que partirán despois do acto e no que permanecerán ata o domingo 5, manipularán omnipoliedros, construirán cúpulas de Leonardo, participarán nun concurso de fotografía matemática, farán puzles de matemáticas e matemáticos de Galicia, coñecerán a experiencia de estudantes que xa pasaron polo programa e tamén gozarán dun paseo lóxico-matemático a Torre dos Andrade. Alí estarán acompañados polos docentes do programa Mª Trinidad Pérez López, Gonzalo Castiñeira Veiga e Víctor Pollán Fernández, ademais de Álvaro Carros Viqueira, Tomás García Barreiro e Artur Vázquez Rego compoñentes da 9ª Promoción ESTALMAT-Galicia.

Miles de participantes

ESTALMAT-Galicia ten examinado a máis de 5.000 estudantes, dos que seleccionou 551 -146 estalmateiras e 305 estalmateiros- para incorporar ás súas actividades. Na proba deste ano, realizada o pasado mes de xuño, participaron un total de 125 estudantes de toda Galicia, 43 nenas e 82 nenos, sendo o reparto por provincias: 68 dá Coruña, 4 de Lugo, 17 de Ourense e 36 de Pontevedra. Da nova promoción que comeza o sábado, 14 pertencen a provincia da Coruña, 1 a de Ourense e 10 a de Pontevedra, representando a 13 Concellos de Galicia.

Aos 25 novos hai que lle sumar tamén 26 alumnos e alumnas da 17 promoción que están no segundo curso e 23 da promoción 16.

Estalmat-Galicia


O Proxecto ESTALMAT-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela  e de distintos centros de ensino secundario de Galicia, contando con profesorado das tres universidades galegas.

Durante o curso, os estudantes seguirán o programa de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que desde o ano 1998 existe en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria, Illas Baleares, Asturias e Estremadura. As actividades de primeiro será todas presenciais e terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 20 sábados.

Dispón dun financiamento específico da Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades e da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, e tamén facilita material a Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade. Ao patrocinio súmanse as Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e o Concello de Ames. Desde finais do curso pasado Estalmat-Galicia forma parte do proxecto SUMO Valor da USC, desde o que xa achegaron as empresas DXC Technology (desde o seu Centro de Excelencia para iniciativas de Datos e Inteligencia Artificial para España y Portugal, con sede en Santiago) e o Centro de Investigación Mestrelab (https://www.usc.gal/gl/usc/mecenado/sumo-valor/estalmat-galicia).

O programa, avalado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España, conta co apoio da USC, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a Axencia Galega de Innovación e das Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e o Concello de Ames.   
 

Orla da 18 promoción de Estalmat-Galicia
Orla da 18 promoción de Estalmat-Galicia
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2025.