
O reitor Antonio López presidirá este venres 13 a cerimonia institucional de inauguración do curso académico 2024-2025 na Universidade de Santiago, que se desenvolverá a partir das 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. O evento poderá seguirse en directo a través de YouTube.
Acompañando ao reitor estarán na mesa as vicerreitoras de Política Científica, de Titulacións e Internacionalización e de estudantes e Cultura, Pilar Bermejo, María José López e Pilar Murias, respectivamente, así como o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González.
O acto dará comezo coa lectura da Memoria do curso académico 2023-24 a cargo da secretaria xeral da Universidade, Dulce García Mella, e continuará coa intervención do presidente do Consello do Estudantado da USC, Andrés Couso. Proseguirase coa lección maxistral do catedrático de Enfermaría Antonio Rodríguez Núñez titulada Humanización dos coidados intensivos.
A cerimonia pecharaa o reitor Antonio López coa lectura do seu discurso.