A conferencia inaugural que leva por título 'La evolución de los estudios hispánicos en el Reino Unido, con enfoque especial en la Universidad de Oxford', será impartida polo profesor Edwin Williamson

Cursos Internacionais da USC organiza no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o acto oficial de inauguración dos cursos de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros de verán. A sesión desenvolverase este venres 7, ás 19.00 horas, e contará coas intervencións da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María Xosé López Couso; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a primeira tenenta de alcaldesa do Concello de Santiago, María Rozas Pérez; e a directora xerente de Cursos Internacionais da USC, Pilar Taboada de Zúñiga Romero.
A conferencia inaugural que leva por título 'La evolución de los estudios hispánicos en el Reino Unido, con enfoque especial en la Universidad de Oxford', será impartida polo profesor Edwin Williamson, membro correspondente da Real Academia Española por Reino Unido dende 2016, quen actualmente ocupa a cátedra de Alfonso XIII de Estudos Hispánicos da Universidade de Oxford.
Neste acto estarán presentes os estudantes e coordinadores estranxeiros que participan nos cursos de lingua e cultura, procedentes de universidades e centros educativo-culturais de Estados Unidos, Canadá, República de Corea, Taiwán e Brasil. Ademais, cómpre destacar o grupo de profesores norteamericanos e brasileiros que participan no Curso de formación para profesores do Camiño de Santiago, organizado en colaboración coa Oficina de Educación da Embaixada de España en Washington e Brasilia.
"Cursos Internacionais organiza programas formativos que comprenden 20 horas semanais de clases de lingua e cultura. É preciso subliñar a importancia que O Camiño de Santiago acada ano tras ano nestes cursos. A temática xacobea é obxecto de estudo non só nos seminarios de cultura senón que tamén está presente nas actividades culturais e excursións", explica Pilar Taboada de Zúñiga Romero. A experiencia cultural é unha parte fundamental da aprendizaxe lingüística, polo que as clases da mañá compleméntanse cun amplo programa de actividades culturais: visitas guiadas á cidade, visita guiada ao Patrimonio da USC, museos, obradoiros de gastronomía, baile e música, e excursións.