O acto contará coa presenza do poeta e profesor da USC, Claudio Rodríguez Fer, en condición de director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da institución compostelá, e o propio poeta Adonis que se desprazará expresamente dende París, onde vive exiliado

O Xardín das Pedras que Falan, anexo ao Colexio de Fonseca, albergará dende este venres 4 de novembro dúas inscricións debidas ao poeta galego José Ángel Valente e ao poeta sirio Adonis. O acto contará coa presenza do reitor Antonio López e do alcalde Xosé Sánchez Bugallo, Claudio Rodríguez Fer, en condición de director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da institución compostelá, e o propio poeta Adonis que se desprazará expresamente dende París, onde vive exiliado.
Ademais, na tarde do venres, o poeta sirio e reiterado candidato ao Premio Nobel de Literatura participará nun recital dedicado á súa obra no Salón Nobre de Fonseca. No evento intervirán, entre outras autoridades, a ensaísta, doutora en Literatura Francesa e catedrática de Francés, María Lopo, quen fará de intérprete do escritor, e o poeta Claudio Rodríguez Fer, quen presentará a Adonis e lerá a tradución dos seus poemas.
Adonis é un dos principais poetas en árabe na actualidade, polo que foi reiteradamente proposto para o Premio Nobel de Literatura. Naceu e formouse en Siria, pero viviu moito tempo no Líbano, ata que finalmente se exiliou en París. Alí exerceu como delegado da Liga Árabe na UNESCO e como profesor de literatura árabe na Sorbona, pero tamén exerceu a docencia como profesor e investigador visitante en Xenebra, Princeton e Berlín. En 2012, foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña, en Rennes, coincidindo co mesmo nomeamento do escritor galego Claudio Rodríguez Fer, con que mantén amizade e colaboración literaria dende entón.
Moi novo adoptou o seu pseudónimo pagán, Adonis, nome do vello mito de orixe sumeria, babilonia e fenicia adoptado polos gregos que o liberou das ataduras relixiosas do seu nome familiar. Segundo Claudio Rodríguez Fer, "Adonis modernizou a poesía árabe e mundial cun experimentalismo aberto que combina o verso libre co poema en prosa, a composición brevísima co poema torrencialmente extenso, a estrutura dramática con diálogos imposibles, por exemplo con Lincoln ou con Whitman. Ademais, Adonis achegouse deliberadamente á poesía máis visionaria de Federico García Lorca, con cuxo Poeta en Nueva York dialogou na obra expresionista Epitafio para Nova York, moi crítica co capitalismo salvaxe e co imperialismo norteamericano".