
A Universidade de Santiago inaugura este xoves 17 ás 11.00 horas unha gaiola de drons na valgada do campus (a carón da Facultade de ADE e do edificio Intercentros), que permitirá realizar prácticas de voo nunha contorna controlada e completamente segura.
O acto, que comezará cunha visita ás instalacións, estará presidido polo reitor Antonio López Díaz e nel participará tamén o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca, entidade que colabora no financiamento da instalación. Asisten ademais a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco J. Fraga López; a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Rosa Romero Franco; e o deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón.
O novo espazo para a Escola Politécnica de Enxeñaría supón un avance clave para mellorar a calidade docente en titulacións como o Grao en Robótica ou o mestrado Universitario en Sistemas Aéreos Non Tripulados (drons). O principal obxectivo é garantir que durante os voos só os drons se atopen no seu interior, o que elimina calquera risco para as persoas e protexe os equipos e materiais da contorna. O estudantado poderá así adquirir experiencia real en voo, configuración e control de drons sen comprometer a seguridade.
Ademais, facilitará o desenvolvemento de traballos de fin de grao e fin de mestrado relacionados con tecnoloxías avanzadas de navegación aérea, visión por computador ou control autónomo así como a implementación de diferentes sensóricas para seguimento ambiental, consolidando unha contorna de aprendizaxe innovadora e aliñada coas demandas do sector tecnolóxico.