As mulleres emprendedoras Lurdes Herrera Toco, de Bolivia, e Sofía Vázquez Manzano, da Coruña, ofrecen o luns 30, ás 11.00 horas, na Aula Magna do centro universitario lugués, os seus respectivos proxectos de emprendemento

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo acolle este luns 30 de outubro a apertura da exposición ‘Enredadas no cambio’, encadrada nunha iniciativa promovida pola ONG Taller de Solidariedade en colaboración coa Xunta de Galicia.
Estrutrurada en 48 fotografías, a mostra ‘Enredadas no cambio’, que chega á sede universitaria luguesa da man do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria da USC, amosa a vida de seis mulleres emprendedoras referentes en Perú, Colombia, Nicaragua, Bolivia e España.As imaxes presentadas dan conta dos obstáculos e dos retos que tiveron que sortear na súa aventura emprendedora, ao tempo que tamén reflicten os efectos de cambio e transformación que provocaron nas súas respectivas comunidades.
Alén da apertura ao público desta exposición de fondo calado social, a Facultade de ADE do Campus de Lugo da USC acollerá tamén o luns 30 de outubro, a partir das 11.00 horas, na Aula Magna do centro, un coloquio con dúas destas emprendedoras que decidiron implicarse no cambio, tal e como é o caso de Lurdes Herrera Toco, de Bolivia, e de Sofía Vázquez Manzano, cooperativista da Coruña.