A exposición sobre o primeiro científico galego en alcanzar unha dimensión internacional cos seus traballos poderase ver posteriormente noutras localidades

O reitor Antonio López preside este luns 7 de outubro a partir das 19.00 horas na Igrexa da Universidade a inauguración da exposición ‘José Rodríguez. O matemático de Bermés’, que se poderá ver alí nas vindeiras semanas antes de iniciar un percorrido por outros puntos da xeografía galega e española.
Á inauguración asistirán tamén o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo; a decana da Facultade de Matemáticas da USC Elena Vázquez Cendón, en representación do Consello da Cultura Galega; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan Lema; o presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o historiador de Lalín Daniel González, entre outros representantes de diversas institucións políticas, educativas e culturais galegas.
A mostra chega coincidindo co 200 aniversario do pasamento de José Rodríguez (Bermés, Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824), polo que a RAGC elixiu o matemático como Científico Galego de 2024 e coa finalidade de divulgar a súa figura estanse a realizar unha serie de actividades ao longo deste ano.
José Rodríguez foi o primeiro científico galego en alcanzar unha dimensión internacional. Ademais de matemático, interesouse pola xeodesia, a astronomía, a cristalografía e a mineraloxía. Nesta exposición, que abrangue unha visión moi completa deste persoeiro -recollendo tanto o seu papel en diversos ámbitos da ciencia como o seu perfil de político liberal, inquieto e modernizador-, pódese albiscar a súa enorme relevancia.