
O Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias (iLTIUS) inaugurarase oficialmente o martes 7 ás 12:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía. O acto presídeo o reitor Antonio López e nel participan ademais a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera; o decano da Facultade de Filoloxía, Elias Feijo Torres, e a directora comisaria do iLTIUS, María José Alonso Veloso.
Logo da apertura institucional, ás 12:30 horas terá lugar unha táboa redonda sobre o iLTIUS ante os desafíos da investigación lingüística e literaria na que intervirán os investigadores José Virgilio García Trabazo, do Grupo CLASMED (Estudos Clásicos e Medievais); Ignacio Palacios Martínez, do Grupo LAEAITDT (Lingüística Aplicada ao Ensino e Aprendizaxe do inglés, Tradución e Deseño textual); e Pilar Lorenzo Gradín, do Grupo Quevedo (El Siglo de Quevedo). Modera o debate Tamara Bouso Rivas, secretaria comisaria do iLTIUS.
ilTIUS
O iLTIUS ten como obxectivo desenvolver investigación básica e aplicada de alto nivel centrada nunha ampla gama de linguas indoeuropeas antigas (latina, grega) e modernas (alemán, español, francés, galego, inglés, portugués), así como nas literaturas que se desenvolveron a partir destas linguas e que, á súa vez, actuaron como instrumentos para a súa consolidación e estandarización.
O Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias da USC busca, polo tanto, abordar, desde unha perspectiva multilingüe, “o complexo contexto histórico e sociocultural no que se desenvolveron e transmitiron as linguas obxecto de estudo e os seus textos orais e escritos, como un patrimonio que debe ser transferido á sociedade actual para que, a través do coñecemento dos valores culturais do pasado, poida reafirmar a súa propia identidade”.