A instalación deportiva conta coa homologación da Real Federación Española de Atletismo

O reitor Antonio López inaugurará este mércores 15, a partir das 17.00 horas, a pista do Estadio de Atletismo da USC logo das súas obras de renovación e acondicionamento, así como de recibir a homologación da Real Federación Española de Atletismo. O acto contará coa participación do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; da deputada de Xuventude e Deportes da Deputación Provincial da Coruña, Cristina Capelán Cancelo; do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; e do presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín Carreira.
As obras foron froito da colaboración entre USC, Deputación da Coruña, Concello de Santiago de Compostela e Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia que, en 2021, asinaron un convenio de cooperación para a renovación e o acondicionamento das instalacións de atletismo do estadio universitario, cuxa última pavimentación databa do ano 1998.
Tamén asistirán ao acto o xerente da USC, Javier Ferreira; o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico; a deputada de Deportes, Cristina Capelán; e a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa.
No transcurso da sesión descubrirase unha placa conmemorativa e, logo das intervencións, a comitiva realizará un percorrido polo Estadio da Universidade de Santiago de Compostela.