
Este xoves 19 de decembro a partir das 13.15 horas terá lugar na Facultade de Formación do Profesorado a inauguración da 'Sala Araceli Herrero', antiga sala de investigación do centro que agora é rebautizada na honra da que fora profesora nesa Facultade.
Araceli Herrero Figueroa, profesora xubilada que pertencera ao Departamento de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, faleceu en xuño de 2020. Era unha persoa moi querida entre a comunidade universitaria e na sociedade luguesa, na que tamén era recoñecida polos seus méritos nos eidos da docencia e da investigación.
Doutora en Filosofía e Letras e licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, o labor docente desenvolvido por Araceli Herrero Figueroa estivo de sempre ligado ao Campus de Lugo, desde o antigo Colexio Universitario, onde comezou a súa actividade académica, ata a Facultade de Formación do Profesorado, o centro da USC no que exerceu durante os últimos ano. Como parte do seu labor académico, foi autora de distintas monografías, capítulos de libros en volumes colectivos sobre lingua, literatura e didáctica, ensaios e estudos varios en diversas publicacións e revistas.