
As XXI Xornadas CRUE Internacionalización e Cooperación desenvolveranse no Edificio Fontán da Cidade da Cultura organizadas polas tres universidades públicas galegas. En dúas xornadas, os días 6 e 7 de maio, esta xuntanza sectorial abordará, entre outras cuestións, os desafíos actuais das universidades no ámbito da internacionalización da educación superior, o impacto académico das Alianzas de Universidades Europeas ou a mobilidade inclusiva, así como as diversas facetas nas que as universidades poden contribuír substancialmente á Cooperación ao Desenvolvemento.
A xornada inaugural comezará ás 12.00 horas presidida polo reitor da USC, Antonio López Díaz, e contará participación dos seus homólogos da Coruña e Vigo, Ricardo Cao Abad e Manuel Reigosa Roger, ademais do presidente desta sectorial da CRUE e o reitor da UNED Ricardo Mairal Usón.
O encontro permitirá igualmente compartir casos de boas prácticas e avanzar no deseño de novas iniciativas que permitan ampliar o potencial de internacionalización e cooperación das Universidades para ter capacidade de adaptación ás necesidades dun entorno globalizado e en constante transformación.