Ir o contido principal

XIII Concurso Estatístico

'Incubadora de Sondaxes e Experimentos'

09.06.2023 | 09.30h-13.30h

Santiago de Compostela

A Facultade de Matemáticas acollerá o acto final deste certame organizado polo Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa (SGAPEIO)

Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite

A Universidade de Santiago de Compostela colabora coa Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa (SGAPEIO) na organización do XIII Concurso 'Incubadora de Sondaxes e Experimentos'. Esta nova edición do certame,  dirixido ao alumnado de secundaria de Galicia, desenvolverase na Facultade de Matemáticas o 9 de xuño entre as 9.30 e as 13.30 horas.  O estudantado presenta traballos de investigación estatística realizados por equipos de ata 5 integrantes baixo a titoría dun ou dunha docente.

Entre os traballos finalistas na categoría de 1º e 2º da ESO, cóntanse 'Caldo de áreas', do IES de Cacheira, en Teo; e 'Saberías diferenciar a intelixencia artificial da intelixencia natural?', do IES de Mugardos.

Na categoría de 3º e 4º da ESO concorren 'Arden os parques infantís', do IES Ribeira do Louro, en Porriño; e 'Análise cuantitativa do tempo de reacción e a súa relación cos reflexos' do mesmo centro.

Finalmente, os proxectos finalistas na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio son 'O efecto Halo', do IES Eduardo Pondal', en Santiago; e 'Rompendo o cristal da Xeración Z', do IES Miraflores, na Coruña.

Os equipos gañadores representarán a Galicia na  XII Fase Nacional de Concursos tipo 'Incubadora de Sondaxes e Experimentos' que se desenvolverá en Zaragoza do 27 ao 29 de xuño. Galicia ten unha importante traxectoria de éxitos nesta fase nacional en anos anteriores.

Nesta edición, o concurso conta coa colaboración da Facultade de Matemáticas da USC, a Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades, o Instituto Galego de Estatística (IGE), o Centro de Investigación e Tecnoloxía de Matemática de Galicia (CITMAga) e a empresa GADIS.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2023.