Ir o contido principal

Presentación

'Informe da Economía Social en Galicia 2021'

O informe actualiza a información recollida no Libro Branco da Economía Social en Galicia

O acto desenvólvese en Ciencias Económicas e Empresariais. FOTO: Santi Alvite
O acto desenvólvese en Ciencias Económicas e Empresariais. FOTO: Santi Alvite

Maite Cancelo, directora do Centro de Estudos Cooperativos de Galicia- CECOOP, presenta este luns 28, ás 10.30 horas, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, os resultados do 'Informe da Economía Social en Galicia 2021', do que tamén é directora. O documento actualiza a información recollida no Libro Branco da Economía Social en Galicia e realiza unha fotografía do sector e a súa evolución nos últimos anos, respondendo, así, a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2021 e que establece como un dos seus obxectivos chave aumentar a visibilidade da economía social mediante a recompilación de datos e estatísticas adecuadas.

Acompañarán á profesora Cancelo, Pilar Murias, vicerreitora de Estudantes e Cultura; Xoán Doldán, decano do centro; Manuel Botana, presidente científico do CECOOP e codirector do estudo; Mª Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade; e Celso Gándara, presidente do Foro pola Economía Social Galega. Na elaboración do informe participou persoal investigador da USC e da UVigo. Dolores Álvarez, Manuel Botana, María Bastida, Maite Cancelo, Rosario Díaz, Pilar Expósito, Loreto Fernández, Rafael Millán, José Antonio Montero, Ana Olveira, Alberto Vaquero, Emilia Vázquez Rozas e Miguel A. Vázquez Taín son os autores do informe.

No estudo, analízanse as entidades da economía social de mercado: cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, empresas de inserción laboral, mutuas e mutualidades, confrarías de pescadores, sociedades agrarias de transformación e comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común. Ademais, tamén se recolle un apartado sobre o marco xurídico e novidades lexislativas, outro no que se analizan as políticas públicas para o desenvolvemento da Economía Social en Galicia, o sector financeiro cooperativo en Galicia e unha aproximación ao impacto socioeconómico das sociedades laborais e as cooperativas en Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2022.