O catedrático de Historia Antiga da Universidade de Málaga Fernando Wüllf abrirá ás 10.30 horas, no salón de graos da Facultade de Humanidades, a quenda de intervencións dun foro que citará ata o 24 de setembro a máis de 20 relatores de 12 universidades europeas

O coloquio científico ‘A intervención de Roma nas comunidades indíxenas’ organizado polos profesores de Historia Antiga da USC Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva, xunto co catedrático da UPV Juan Santos Yanguas, botará a andar este mércores, a partir das 10.30 horas, coa intervención do catedrático de Historia Antiga da Universidade de Málaga Fernando Wulff, que ofrecerá o relatorio ‘Roma, Italia, Imperio: identidades entre a República e o Principado’.
O programa deste coloquio, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural como colofón do proxecto de investigación de excelencia ‘Aut opressi serviunt aut recepti beneficio se obligatos putant’, terá continuidade en quenda de tarde e prolongarase durante a xornada do xoves con diversas sesións divulgativas nas que participarán como relatores 23 investigadores e investigadores procedentes de doce universidades e centros de investigación de España, Francia, Italia e Portugal.
O obxectivo deste seminario, segundo indicou a profesora Dopico Caínzos, pasa por poñer en común e dar a coñecer os resultados das pescudas realizadas no marco do proxecto de investigación desenvolvido polos integrantes do Grupo de Estudos para a Preshistoria no Noroeste Ibérico (GEPN) ao longo do trienio 2018-20, ademais de tratar outras das cuestións temáticas estudadas por calquera dos investigadores participantes nesta reunión científica internacional.
Programación e temática dos relatorios
A intervención inicial a cargo de Fernando Wulff servirá de preludio a unha exposición relativa á intervención do exército nas comunidades indíxenas, temática sobre a que falará o profesor de Historia Antiga da Universidade de Salamanca Juan José Palao Vicente. A continuación, o investigador da Universidade Rovira y Virgili de Tarragona Ricardo Mar ofrecerá a charla ‘A construción da paisaxe urbana na Hispania romana: santuarios, foros e centros cerimoniais’. O director do Museo de Segovia, Santiago Martínez Caballero pechará a xornada matinal do primeiro día deste coloquio científico co relatorio ‘As transformacións urbanas nas cidades romanas da celtiberia do Doiro’, ao que seguirá un coloquio entre os asistentes.
Gallaecia será o eixo temático da xornada de tarde deste foro monográfico sobre a intervención romana nas comunidades indíxenas. A directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo e profesora de Historia Antiga da USC, Dolores Dopico Caínzos, acompañada de Juan Santos Yanguas, catedrático de Historia Antiga xubilado da Universidade do País Vasco, e de Armando Redentor, profesor da Universidade de Coimbra, abrirán a sesión vespertina cunha exposición sobre as dedicatorias imperiais e a relixión en Brácara e Lucus como elementos de integración das comunidades indíxenas.
A conferencia ‘O Noroeste da Península Ibérica entre os séculos II/I a.C e o século I d.C: identidades e poderes en mudanza’, a cargo das investigadoras da Universidade de Minho Manuela Martins e Fernanda Magalhaes, seguida dunha análise das transformacións no poboamento nas áreas mineiras do Noroeste peninsular, da man dos investigadores do CSIC Almudena Orejas, Brais Currás, Luis López e Javier Sánchez-Palencia, completan o programa da primeira xornada deste foro monográfico.
O coloquio científico sobre a intervención de Roma nas comunidades indíxenas continuará o 24 de setembro con seis relatorios por videoconferencia. Michel Tarpin, da Universidade de Grenoble, abrirá a sesión coa charla ‘Quod Insubres condiderunt. Caton et les oppida condita par des peuples Gaulois’. Os investigadores da universidade romana La Sapienza G.L. Gregori,, R. Dell’Era darán continuidade ao curso coa conferencia titulada ‘Gli interventi domizianei su alcune comunità dell’arco alpino’.
A forma da transición da comunidade indíxena da Transpada fronte á romana será o tema sobre o que tratarán os investigadores da Universidade Cá Foscari de Venecia G. Cresci e A. Marinetti, tralos que tamén intervirá o investigador da mesma universidade italiana T, Luchelli, para afondar sobre o impacto da conquista romana sobre a moeda céltica: Galia Cisalpina e outras rexións.
As comunidades rurais e a intervención romana: autonomía local e cambios institucionais e a evolución desde as crenzas milagreiras do pobo Falisco cara a sociedade da comunidade romana serán outros dos temas tratados pola ampla representación de investigadores da Universidade La Sapienza de Roma convidados a tomar parte neste foro.