Ir o contido principal

A intervención de Roma nas comunidades indíxenas, a análise na Domus do Mitreo

15/06/2021 - 10.00 horas

O foro, coordinado pola profesora de Historia da USC Dolores Dopico Caínzos, será o martes 15 de xuño como preludio das celebracións festivas do Arde Lucus

Xacemento arqueolóxico do Museo Unversitario A Domus do Mitreo
Xacemento arqueolóxico do Museo Unversitario A Domus do Mitreo

A intervención de Roma nas comunidades indíxenas centra a temática do foro científico que se desenvolverá o martes 15 de xuño no auditorio da Domus do Mitreo, onde se citarán prestixiosos investigadores do mundo romano das universidades de Cantabria, País Vasco, Barcelona, Zaragoza, Baleares, así como outros relatores pertencentes a universidades estranxeiras, tales como a Universidade de Lisboa ou ao Instituto Ausonius da Universidade de Burdeos (Francia).

O encontro de análise e debate sobre a pegada romana la capital luguesa, en particular, pero tamén noutros territorios da Península Ibérica, nun contexto máis amplo, está coordinado pola profesora de Historia Antiga da USC e directora científica do Museo Universitario A Domus do Mitreo no marco dun proxecto financiado  polo Goberno de España. Dolores Dopico Caínzos explicou que a reunión programada en Lugo servirá para poñer en común as principais conclusións e os avances dos traballos e estudos xa desenvolvidos ata a data ao abeiro desta liña de traballo.

Dopico Caínzos comentou asemade que coa celebración deste foro de traballo a mediados do mes de xuño, o Museo Universitario A Domus do Mitreo súmase aos actos culturais e festivos programados no marco do Arde Lucus, unha cita a través da que a capital amurallada recreará o seu pasado romano do 17 ao 20 de xuño.

Programa

O programa desta reunión científica, que está estruturada en diversos relatorios que se poderán seguir de xeito telemático ou presencial, comezará ás 10.00 horas e prolongarase en quenda de mañá e tarde. Así, logo da sesión inaugural, José Manuel Iglesias Gil, da Universidade de Cantabria, abrirá a quenda de intervencións co relatorio ‘Os epítetos da fundación e promoción social das cidades romanas de Hispania por Augusto: de Iulia a Augusta’.

‘A primeira fase de urbanización do litoral nororiental de Hispania Citerior (siglos II-I a.C.): a diversidade de modelos e a súa materialización’ é o título da charla que ofrecerá de seguido, o profesor da Universidade de Barcelona Víctor Revilla. Ao remate da súa intervención, Estíbaliz Ortiz de Urbina, da Universidade do País Vasco disertará sobre as formas de organización cívica e non cívica da poboación na área setentrional de Hispania Citerior durante o Alto Imperio, mentres que Ángeles Magallón, da Universidade de Zaragoza, afondará sobre as vías de comunicación, redes urbanas e as dinámicas de desenvolvemento no VME.

Milagros Navarro, da Universidade de Burdeos, abrirá a quenda e tarde cun relatorio sobre a práctica epigráfica na provincia romana de Aquitania na que tratará o exemplo do vicus de Baugy. ‘Elites locais e regalo diplomático: aa construción ideolóxica da hexemonía romano-republicana’ é o título da charla que ofrecerá a continuación E. García Riaza, da Universidade das Illas Baleares.

Este foro científico sobre a intervención de Roma nas comunidades indíxenas locais rematará cun relatorio do profesor e investigador da Universidade de Lisboa Carlos Fabiâo baixo o título ‘Imitacións locais de cerámica romana: Unha moda ou un cambio cultural?’. Ao remate das intervencións, o público asistente poderá participar nun coloquio con todos os investigadores convidados. As persoas interesadas en asistir ao congreso, que ten unha capacidade limitada, poden formalizar xa a súa inscrición de balde a través do enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). A solicitude debe incluír nome completo e teléfono de contacto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2021.