O profesor Pedro Manuel López Barja de Quiroga intervirá como padriño na investidura da académica británica e Xosé Henrique Monteagudo serao na do lingüista portugués

O Paraninfo da Universidade acollerá o 31 de marzo ás 12.00 horas o acto académico de investidura de Mary Beard e de Ivo Castro como doutores honoris causa da USC.
Presidido polo reitor da USC, Antonio López, contará coas intervencións dos académicos que reciben a distintición e dos profesores da USC que actuán como os seus padriños, Pedro López Barja no caso do Mary Beard, e Henrique Monteagudo, no de Ivo Castro. No acto participarán tamén a secretaria xeral da USC, Dulce Mª García Mella, do reitor da Universidade do Minho, Rui Vieira de Castro, da vicerreitora de Extensión Académica da Universidade de Vigo, Susana Mª Reboreda Morillo, do vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica da Universidade da Coruña, Domingo Calvo Pico, da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, Mª José López Couso, e do vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto Xosé González Seoane.
O acto poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube da USC.
Nomeamentos de Mary Beard e Ivo Castro
O departamento de Historia da institución compostelá é o responsable do nomeamento de Mary Beard, catedrática de Historia e Literatura do Mundo Antigo na Universidade de Cambridge e cuxo padriño será Pedro López Barja de Quiroga. Os seus inicios como investigadora situáronse no ámbito da historia das relixións para, a continuación, centrarse en aspectos máis visuais do mundo antigo. Deste xeito, o monumento é analizado non só no contexto no que naceu senón ao longo de toda a historia, ata o presente, incidindo nas diversas lecturas e reaccións que provocou en diferentes épocas. A súa defensa de Roma como un imperio multicultural áchase no centro do que é o seu libro máis coñecido SPQR: A History of Ancient Rome.
Ivo Castro foi proposto polo departamento de Filoloxía Galega da USC e terá como padriño ao profesor Henrique Monteagudo. Castro teceu lazos de colaboración da academia portuguesa coa lingüística e a filoloxía galegas e esforzouse por dar a coñecer a lingua e a cultura galegas dentro e fóra do ámbito universitario lusitano. Por iniciativa súa, a Universidade de Lisboa acolleu unha activa Cátedra de Estudos Galegos que promoveu un grande número de actividades, pero, sobre todo, facilitou os acordos entre institucións como o Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa e o Instituto da Lingua Galega da USC.
A homenaxe está aberta á participación da comunidade universitaria. As confirmacións de asistencia deben ser remitidas antes do 24 de marzo ao correo electrónico reitor.secretaria [at] usc.gal (reitor[dot]secretaria[at]usc[dot]gal)