Por segundo ano consecutivo, a Universidade de Santiago de Compostela e ABG Propiedade Intelectual forman un tándem divulgativo para dar a coñecer as mellores estratexias de protección da innovación.

A segunda edición do seminario IP Perspectives Galicia celebrarase o 28 de abril das 11.00 ás 13.30 horas en liña.
Nesta ocasión, as persoas relatoras convidadas e as figuras expertas de ABG IP ofrecerán as pautas para deseñar estratexias coas que obter unha maior rendibilidade dos seus activos intanxibles e coas que afrontar eventos externos reducindo os riscos en materia de propiedade industrial. A xornada tamén incluirá unha historia de éxito que servirá de referencia á hora de xestionar unha IP.
O seminario contará coas intervencións de André Santos, axente europeo de patentes e asesor técnico dos departamentos de Química-Materiais e Farmacia de ABG IP; Daniel Dios, responsable de Propiedade Industrial e Xestión de Innovación de Televés; Laura Montoya, asociada e responsable do Departamento de Legal e Litigación de ABG IP; María Corral, axente europea de patentes e asocidada ao departamento de Biotecnoloxía e Ciencias da Vida de ABG IP e Rubén Aguión Seoane, director xeral de XesGalicia.
O evento enmárcase na aposta pola difusión dos conceptos esenciais da propiedade industrial e intelectual como motor de progreso e ferramenta imprescindible para que as entidades innovadoras protexan a súa vantaxe competitiva e obteñan o máximo retorno do seu investimento que axude a acadar os seus obxectivos.
A asistencia é libre previo rexistro na web do evento.