A xornada permitirá percorrer en liña as instalacións do CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE e coñecer de primeira man a actividade do seu persoal investigador

Charlas en directo con expertos, visitas virtuais aos laboratorios ou experimentos conformarán o percorrido que este sábado 28 poderá realizarse en liña polo ecosistema científico que conforma a Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC. A xornada anual de divulgación ‘Ciencia Singular’ amosará na súa cuarta edición o labor de excelencia que realizan os catro centros que integran a Rede.
O evento que por primeira vez se celebrará de xeito virtual por mor da COVID-19 serve para evidenciar “o valor engadido que esta Rede está a achegar á mellora da calidade de vida das persoas, non só na nosa contorna máis próxima, senón tamén a nivel global”, apuntan dende a organización. Toda a programación da xornada poderá seguirse a través da web do evento.