Evento organizado polo programa Woman Emprende en colaboración a USC e o Concello de Santiago de Compostela

A USC e o Concello de Santiago promoven unha nova edición da Feira de Emprendedoras de Compostela, este ano dedicada á cultura e ao sector artístico. A programación deste encontro entre emprendedoras da cidade e universitarias da USC combina xornadas de formación, mesas de debate e diálogo e feira expositiva.
Así, do 26 ao 29 de setembro, o Teatro Principal acollerá entre as 17.00 e as 20.30 horas o programa 'Sal de Ti, coñecécete a través do teatro', sesións de formación de balde para universitarias da USC con inquedanzas por explorar a través das técnicas teatrais as súas habilidades, os seus soños, e medrar como persoas e futuras profesionais. A participación nestas actividades, esixe inscrición previa a través deste formulario.
A completa xornada do venres inaugurarase ás 10.00 horas no Teatro nun acto público que contará coa presenza da concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, e da Delegada de Igualdade da USC, Marta Pérez Pereiro.
A seguir, ás 10.30 horas abrirá as súas portas a feira positiva de marcas do eido cultural e artístico de Compostela que, tamén con entrada de balde, poderá ser visitada ata as 20.00 horas. Ademais, a partir das 12.00 e ata as 18.30 h, o teatro acollerá diferentes mesas de debate e diálogo arredor do empredemento creativo e a perspectiva de xénero con referentes dos distintos sectores, creadoras emerxentes e estudantes da USC.
A clausura oficial da IV Feira de Emprendedoras terá lugar ás 18.30 horas nun acto coas intervencións do reitor da USC, Antonio López, e do alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, cuxo peche dará paso a unha mostra teatral coa que concluirá a xornada.
O programa completo do evento está dispoñible en liña e tamén é posible seguir a xornada do día 30 en directo na canle YouTube de Woman Emprende.