Ir o contido principal

IV Seminario sobre o patrimonio cultural do Courel

24.09.2021-26.09.2021 | 18.30h-14.00h

Seoane
Estación Científica do Courel

O etnobotánico Emilio Blanco Castro inaugura, ás 18.30 horas, na Estación Científica do Courel, a quenda de relatorios cunha charla sobre a importancia dos castiñeiros na cultura tradicional courelá

Cartaz co programa do seminario
Cartaz co programa do seminario

Os soutos, así como a súa pegada nas manifestacións culturais, nos costumes, na paisaxe de montaña, e mesmo as súas utilidades produtivas, gastronómicas e a súa incidencia nas prácticas agrícolas, serán obxecto de análise e debate no marco da cuarta edición do seminario sobre o patrimonio cultural courelá, un foro promovido desde a Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo da USC en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural do Courel e a Deputación Provincial de Lugo, que se desenvolverá desde este venres ata domingo 26 de setembro, nas instalacións e nos exteriores da Estación Científica do Courel.

O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo Jesús Varela Zapata e o tamén catedrático da USC Antonio Rigueiro, ademais das autoridades políticas presentes, ofrecerán un breve acto de acollida ás persoas inscritas neste seminario. Ao remate da sesión, prevista para as 18.30 horas,  o etnobotánico e profesor da Universidade Europea de Madrid, Emilio Blanco Castro, abrirá o programa de relatorios do IV Seminario O Patrimonio Cultural Courelá cunha intervención baixo o título ‘Os soutos na cultura tradicional do Courel 25 anos despois’. A farmacéutica e autora do libro ‘María das Herbas e as herbaxeiras do Caurel’, María Moure de Oteyza, e o traballador social do Courel Xesús. A. Parada Jato, abrirán o sábado a quenda de intervencións cunha exposición sobre os usos e costumes dos soutos na comarca.

‘Os soutos como elementos característicos da paisaxe cultural. Os drons como ferramenta de análise’ é o título do relatorio que ofrecerán neste foro os docentes  investigadores da USC Silvia Calvo Iglesias e Ramón Alberto Díaz Varela, aos que sucederá na quenda de intervencións o profesor da UVigo Castor Muñoz Sobrino, quen, na última sesión matinal, ofrecerá datos polínicos da presenza de Castanea no Courel. Xa en quenda de tarde, as persoas inscritas percorrerán soutos, ao tempo que visitarán instalacións nas que se pode ollar aparellos e mobles feitos de castiñeiro.

O catedrático do Departamento da Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Antonio Rigueiro abrirá o domingo, ás 11.00 horas, o programa coa charla ‘Castiñeiros e soutos monumentais en Galicia e no Courel’. De seguido, o xeógrafo Luis Guitián Rivera pechará este seminario sobre patrimonio cultural courelá co relatorio ‘Dinámica e evolución dos soutos e o seu papel no sistema agrícola tradicional do Courel’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2021.