Santiago de Compostela
Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur)
Reunirá persoal experto e numerosos casos de éxito o 18 de outubro en Ciencias da Educación
Promover o coñecemento da metodoloxía da Aprendizaxe-Servizo (ApS) como vía efectiva de innovación educativa na educación superior é o principal cometido da cuarta edición do simposio internacional que terá lugar o 18 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación da USC (Campus Sur) e na que se darán a coñecer experiencias de éxito.
O encontro, organizado polo grupo de investigación Esculca co lema ‘Educación e Desenvolvemento da comunidade’, enmárcase no proxecto ‘El impacto de la universidad en la comunidad a través de los proyectos de Aprendizaje-Servicio. Un estudio centrado en la reciprocidad (ApS(C))’ do Plan Nacional. A data límite para facer a inscrición é o 14 de outubro de 2024.
Na xornada desenvolveranse numerosas mesas de debate e presentación de casos que tentarán pór luz sobre o impacto da ApS nas dinámicas da empregabilidade das egresadas e egresados nas universidades europeas, o grao de desenvolvemento do proceso de institucionalización desta metodoloxía, o papel das entidades sociais na Universidade por medio destes proxectos e o rol das Universidades na construción da sociedade civil.
Programa
A inauguración terá lugar ás 9.30 horas presidida polo vicerreitor de Profesorado, Ernesto X. González Seoane, e nela participan tamén o conselleiro de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; a decana da Facultade de CC. da Educación, Mar Lorenzo Moledo; o presidente do comité organizador e profesor da USC, Miguel A. Santos Rego; o presidente da ACSUG, Juan José Nieto Roig; a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana María Reboreda Carrera, e a vicerreitora de Responsabilidade Social da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas.
Logo da apertura desenvolverase o primeiro dos relatorios, ‘O potencial pedagóxico da comunidade: a esencia da aprendizaxe-servizo’, a cargo de Marta Ruiz Corbella, da UNED. A continuación, comezarán as mesas sectoriais de presentación de proxectos en cada unha das cinco grandes áreas de coñecemento, con experiencias das tres universidades galegas.
Xa pola tarde haberá unha mesa redonda sobre o papel das entidades sociais na construción do coñecemento que moderará o coordinador do SEPIU da USC, Javier Agrafojo, e no que intervirán Tereta Berbel Romero, de ASDEGAL; María Pose Oreiro, de Centros Socioculturais de Santiago de Compostela; Xabier Rodríguez Orosa, de ACCEM; e Maria Gento Temprano, de Farmamundi.
A xornada continuará con outro relatorio, neste caso virtual, sobre a ApS na universidade e o desenvolvemento sostible das comunidades a cargo de Fernando M. Reimers, da Universidade de Harvard, e rematará co panel ‘Aprendizaxe-Servizo, Universidade e Comunidade: Vertebrando a construción da sociedade civil’ cos profesores da USC Miguel A. Santos Rego e Mar Lorenzo Moledo.