Sesións de mañá no Salón de Actos da Facultade de Medicina
Sesións de tarde no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación
O prazo de inscrición está aberto ata o 11 de novembro ás 14.00 horas

A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e as Oficinas para a Igualdade de Xénero das tres universidades galegas, organizan o 14 de novembro a cuarta edición das Xornadas Agresión OFF en Santiago de Compostela.
Nesta ocasión o encontro pon o foco na sensibilización e a prevención da violencia sexual na mocidade cun programa de relatorios arredor da violencia de xénero na contorna universitaria, as experiencias nos campus europeos e norteamericanos, o traballo en igualdade e a prevención da violencia contra as mulleres nas universidades españolas, as medidas para afrontala nos campus galegos e os retos e oportunidades fronte ás violencias machistas.
As sesións de conferencias desenvolveranse no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC entre as 10.00 e as 14.15 horas.
A xornada incluirá tamén unha sesión de tarde destinada á exposición de traballos académicos elaborados polo alumnado en materia de violencia nos campus e á realización de obradoiros de autodefensa fronte as violencias dixitais, narrativas e visualidades das violencias de xénero e novas masculinidades. Estas sesións terán lugar no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC das 16.00 horas ás 19.30 horas.
Trátase dunha actividade incluída no percurso formativo O acoso sexual e as novas formas de violencia sexual, recoñecido con 1 crédito ECTS para todas as titulacións de grao da USC, e o programa completo da xornada está dispoñible en liña. A asistencia é libre ata completar capacidade e previa inscrición, que poderá ser realizada ata as 14.00 horas do 11 de novembro. Entregarase diploma acreditativo de asistencia.