Ir o contido principal

IV Xornadas Internacionais de Iniciación á Investigación en Estudos da Literatura e a Cultura

19.03.2025 | 09.00h

Santiago de Compostela

Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite

As IV Xornadas Internacionais de Iniciación á Investigación en Estudos da Literatura e a Cultura (IV XIIIELC) terán lugar os días do mércores 19 ata o venres 21 de marzo de 2025 na Facultade de Filoloxía compostelá. Estas xornadas lévaas adiante o estudantado do Programa de Doutoramento homónimo de Filoloxía e pretenden promover a difusión do labor investigador desenvolvido polo estudantado de doutoramento e mestrado en estudos da literatura e a cultura. O obxectivo, segundo a organización, "é facer destas xornadas un lugar de encontro que favoreza o intercambio de ideas e de experiencias".

Segundo a organización, "na nosa contemporaneidade, a investigación en estudos da literatura e a cultura está a mudar de xeito exponencial, presentando cada vez máis disxuntivas e problemáticas relacionadas coa forma de producir coñecemento (epistemoloxía) e as ferramentas para estudalo (metodoloxía). Aparecen así novas maneiras de achegarse aos textos literarios desde a epistemoloxía, mediante a expansión das fronteiras do obxecto de estudo, ou mesmo a incorporación de manifestacións culturais procedentes de suxeitos anteriormente marxinalizados (v.gr. teorías postcoloniais, de xénero, queer...). Neste proceso, a metodoloxía utilizada para estudar a literatura e a cultura tamén cambiou profundamente, cunha tendencia cara a enfoques máis interdisciplinarios. A metodoloxía tradicional, centrada principalmente na análise textual e na crítica literaria, deu paso a unha variedade de enfoques como a etnografía e a análise discursiva, que gañan cada vez máis relevancia ao tentar entender como as comunidades producen e consomen textos".

Conforme se indica na presentación das xornadas, "a investigación en humanidades enfronta, por tanto, unha serie de problemáticas que poñen en tensión as formas tradicionais de produción e estudo do coñecemento, o que reflicte a necesidade de pluralidade na análise de produtos culturais e literarios. Grazas á aceptación da expansión e o dinamismo, o noso campo estase a abrir a novos e variados enfoques que enriquecen e problematizan a comprensión dos fenómenos literario-culturais, revalorizan aqueles que se consideraran periféricos e reflexionan sobre os propios fins da investigación. Esta diversidade epistemolóxica e metodolóxica reflicte o desexo de captar a complexidade da nosa realidade".

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas
Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2024.