O reitor Antonio López presidirá a entrega dos galardóns da IX edición dos Premios Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia.

O acto de entrega correspondente á novena edición dos Premios Valentín Paz Andrade, galardóns que organizan conxuntamente o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Consello Económico e Social de Galicia (CES), desenvolverase o venres 10 de marzo ás 12.00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome.
O reitor Antonio López presidirá este evento no que tamén tomarán parte o presidente do Consello Económico e Social de Galicia (CES), Agustín Hernández Fernández; e a directora do IDEGA, María Dolores Riveiro García.
Na modalidade que distingue os traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, o xurado premia este ano o artigo 'Renewable energy taxes and environmental impacts: A critical reflection from the wind tax in Spain', do que son autoras Rosa María Regueiro Ferreira e María Cadaval Sampedro e que foi publicado no volume 1-23 da revista Energy&Environment.
Na categoría que recoñece as mellores teses de doutoramento, o premio será para o traballo Unha análise socioeconómica da vulnerabilidade en Galicia: O camiño dende a escola até a inserción laboral, elaborado por Bruno Blanco Varela.
Estes galardóns premian aqueles traballos de investigación que contribúen ao mellor coñecemento da realidade económico-social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.