Organizado por USC e UMinho

O 'Joint EMLex Colloquium and Consortium Meeting' entre a Universidade do Minho e a USC desenvolverase do 23 ao 27 de outubro. Esta actividade serve como despedida dalgúns membros do Consorcio EMlex en programas previos europeos e como punto de partida do novo Consorcio do Mestrado Mundus en Lexicografía galardoado pola Comunidade Europea e liderado pola Universidade de Santiago de Compostela. Esta actividade reúne docentes e investigadores/as de Hungría, Francia, Sudáfrica, Costa de Marfil, Alemaña, Chile, Portugal, Austria, España e Italia, entre outros. O Consorcio decidiu que UMinho e USC fosen as encargadas de organizar esta actividade bilateral.
Xunto co programa académico e cultural, os representantes das universidades centrais e universidades e centros de investigación asociados do Consorcio EMLex serán recibidos polo reitor da USC, Antonio López, e pola Vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso.
Na primeira parte da semana, do 23 ao 25, desenvolverase na Universidade do Minho o Coloquio internacional 15 Gründe, warum Lexikographie wichtig ist - 15 Antworten - 15 Vorträge/15 Reasons why Lexicography is Important - 15 Answers - 15 Talks. Porén, na segunda parte da semana, do 26 ao 27, o foro chegará á Facultade de Filoloxía onde terán lugar as reunións de coordinación do Consorcio EMLex e dúas actividades especialmente orientadas ao alumnado. Nas mesmas participan dúas promocións do Mestrado Mundus en Lexicografía -a Lajos Zsarnay e a Dieter Götz- e está convidado todo o alumnado da USC que queira asistir.
En 'What happens after EMLex?' [Que fago coa miña vida despois de EMLEX?] participan seis alumnos/alumnas egresados/as do mestrado que presentarán o seu periplo de integración no mercado laboral. Doutra banda, 'Tell us which resources don´t yet exist!' [Cóntanos que recursos aínda non existen!] é un workshop impartido polos docentes do Mestrado, Carlos Valcárcel e Isaac González que, con formato de Hackathon, confronta o alumnado co desenvolvemento de novos recursos dixitais.