Ir o contido principal

Lanzamento da Rede Alumni do CiTIUS e conferencia de Lois Orosa

30.06.2022 | 10.30h-12.00h

O acto de presentación da Rede contará co relatorio dun dos egresados do CiTIUS: o investigador Lois Orosa, novo director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

O investigador Lois Orosa imparte unha conferencia co gallo do lanzamento da Rede Alumni do CiTIUS
O investigador Lois Orosa imparte unha conferencia co gallo do lanzamento da Rede Alumni do CiTIUS

O vindeiro xoves 30 de xuño terá lugar no CiTIUS a presentación da Rede Alumni, unha iniciativa que busca crear un espazo de relación social e profesional entre o CiTIUS e a comunidade de egresadas/os do centro.

A nova Rede Alumni nace co propósito de establecer unha canle para que o colectivo de egresados non perda os seus vínculos co centro, ademais de favorecer a relación entre as persoas que o forman. A través desta nova canle, poderán presentar a súa actividade ao CiTIUS de forma periódica, obter respostas ás súas posibles necesidades, propoñer ideas e acceder de maneira preferente aos servizos do CiTIUS.

O obxectivo principal desta iniciativa é favorecer a colaboración entre o CiTIUS e os seus egresados, facilitando tamén os intercambios de persoal entre o centro e as organizacións nas que traballan os Alumni.

A referencia da Rede Alumni dentro do centro é a unidade de Xestión do Coñecemento e Transferencia do CiTIUS, que será responsable do seu correcto funcionamento.

Conferencia de Lois Orosa

No relatorio titulado 'Retos e Oportunidades para os Futuros Sistemas de Memoria', Lois Orosa abordará os importantes retos de seguridade, rendemento e consumo de enerxía dos actuais sistemas de memoria DRAM, e mostrará algunhas das nosas propostas de vangarda que abordan e mitigan estes problemas.

A memoria DRAM é a memoria principal utilizada pola maioría dos sistemas informáticos actuais. A DRAM é cada vez máis difícil de escalar a nodos tecnolóxicos máis pequenos, xa que xorden novos mecanismos de fallo que ameazan o correcto funcionamento dos sistemas de memoria DRAM. Se estes fallos non se anticipan e corrixen, non só poden degradar a fiabilidade e dispoñibilidade do sistema, senón que, o que é aínda máis importante, poden abrir novas vulnerabilidades de seguridade. Ademais, o rendemento de moitas cargas de traballo está limitado polas grandes latencias de acceso á DRAM, e moitos sistemas informáticos requiren memorias DRAM con menor consumo de enerxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2022.