O Proxecto de Investigación 'Performa' está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no marco do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2017-2020

Dentro do Proxecto de investigación 'Performa' (Metamorfose do espectador no teatro español actual (PID2019-104402RB-I00), 2020-2023) realizarase o seminario 'Lecturas posdramáticas: análisis de espectáculos'. Nel participarán profesores das Universidades de Estrasburgo (Belén Tortosa), Toulouse (Emmanuelle Garnier), Carlos III de Madrid (Eduardo Pérez Rasilla e Guadalupe Soria) e USC (Cristina Tamames).
O obxectivo deste encontro, que será presencial e de entrada libre ata completar aforo, é poñer en xogo as ferramentas necesarias para abordar o teatro actual dende unha perspectiva post-semiótica, moito máis achegada aos fundamentos dos estudos de performance. A actividade, coordinada por Anxo Abuín e Paulo Gatica, celebrarase no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, cun aforo limitado de 37 persoas e en horario de 9.30 a 14.00 horas.
O 'Proxecto Performa', adscrito á Area de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC, leva desenvolvendo dende hai cinco anos unha intensa actividade investigadora no ámbito dos estudos teatrais en revistas internacionais de prestixio académico, e conta xa cunha colección propia na Editorial Visor.