Ir o contido principal

Exposición

'Luces de Alén Mar'

A mostra pon en valor a achega da emigración ao tecido do sistema escolar en Galicia

Cartel da mostra
Cartel da mostra

Do 11 de abril ao 24 de maio, a Facultade de Ciencias da Educación da USC acolle a exposición 'Luces de Alén Mar', unha mostra promovida polo Consello da Cultura Galega coa colaboración e axuda da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, que pon en valor a achega da emigración galega á xeración dunha rede escolar en Galicia quepaliase as necesidades e carencias que, en grande medida, se atopaban na raíz mesma do fenómeno migratorio.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o profesor da USC Vicente Peña inauguraron no edificio do Campus Norte esta mostra que busca ser testemuña da nosa memoria cultural e educativa pero tamén ferramenta formativa para a sensibilización dos futuros profesionais do ensino, nun intento por reivindicar o soño ilustrado da educación universal como vía para conseguir o progreso e a xustiza social. A comezos de maio, Vicente Pela, profesor titular de Historia da Educación unha conferencia que busca a un tempo servir de explicación da mostra e abrir un espazo de reflexión sobre a educación na súa intersección coa cultura e a sociedade. 

'Luces de Alén Mar' pode ser visitada sen necesidade de reserva previa no horario de apertura habitual do centro. 

Exposición 'Luces de Alén Mar'

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega vén traballando desde 1992 na recuperación e posta en valor da memoria e dos importantes legados das persoas emigrantes galegas. Axiña prestou atención ás accións solidarias e exemplarmente altruístas dos colectivos que financiaron, implementaron, custearon e sostiveron as construcións escolares, retribuíndo a Galicia coas remesas propiciadoras da escolarización e da instrución. Un caso único o de Galicia, por certo, na historia das colectividades de emigrantes.
Para a realización destes e doutros proxectos de recuperación, ordenación e estudo do patrimonio legado polas migrantes, contou coa colaboración e axuda da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia o que fixo posible, entre outros proxectos, a catalogación das construcións escolares financiadas polos emigrantes nas catro provincias galegas e, tamén, a exposición que agora se presenta.

'Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia' subliña, dunha parte, a dimensión da efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrución radicadas en América e, doutra, as súas realizacións académicas nas localidades de procedencia dos emigrantes. A mostra e o seu catálogo permítennos pois coñecer un dos fenómenos máis significativos que trouxo a emigración a Galicia: como foron as persoas emigrantes que introduciron por primeira vez a instrución na Galicia rural de finais do S. XIX e principios do S. XX e, ao mesmo tempo, coñecer a situación da ensino nesta época.

A web oficial do proxecto ofrece un percorrido polos lugares que transitou xa esta mostra itinerante e permite tamén realizar unha visita virtual

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.04.2023.