A Facultade de Filoloxía será o escenario da quinta edición dos Lvdi Compostellani, impulsados polo grupo de investigación ‘Estudos Clásicos e Medievais’ da USC, xunto coa sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos (SEEC).

As actividades nas que participarán arredor de 200 estudantes de ensino secundario de toda Galicia, abranguerán diferentes obradoiros de cultura clásica sobre escritura, graffiti, hixiene e cosmética, moda, hoplitas, xogos ou danza. Os obradoiros serán impartidos por alumnado e profesorado de Filoloxía Clásica e Historia da USC, IES Elviña de A Coruña, IES de Melide e IES San Tomé de Freixeiro en Vigo. Tamén se celebrará unha xincana clásica polas rúas de Santiago que partirá da Reitoría e rematará na Facultade de Xeografía e Historia. Este evento conta co apoio da Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos.