O guitarrista da Pobra do Caramiñal ofrece o mércores 14 un concerto desde a solaina da Casa do Saber ao abeiro do convenio Lugo Cultural

Marcos Teira será o protagonista de ‘Na Bocanoite’ o 14 de xullo, data na que está programado o concerto de presentación de ‘Nós’, o último disco do guitarrista nado en Pobra do Caramiñal. Neste traballo, Marcos Teira conta coa colaboración musical de Alfonso Calvo (baixo), Moisés Fernández (percusión) e Alejandro Vargas (piano).
A última achega musical de Marcos Teira supón o peche dun círculo comezado hai xa 25 anos e que o levou a percorrer escenarios por todo o mundo. Daquela, neste álbum, o sétimo do guitarrista da Pobra, Teira pasa temas de jazz polo filtro do flamenco, outra das súas grandes paixóns.
As persoas interesadas en acudir como público a este concerto, que comezará ás 20.30 horas, poden solicitar xa de balde as entradas a través do enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es) ou no número de teléfono 982 821 513.
O concerto que ofrecerá Marcos Teira está incluído na programación organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo. Esta actuación ao vivo desenvolverase ao aire libre de permitilo as condicións meteorolóxicas. De non ser así, o concerto trasladaríase ao auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo.