Promovidas polo Mestrado Universitario en Tecnoloxías en Márketing e Comunicación Política, as xornadas inclúen conferencias maxistrais e mesas redondas e gardan lugar para a presentación de volumes como 'Las elecciones autonómicas 2017-2019' publicado polo CIS

Do martes 13 ao mércores 14 de decembro a Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC acolle as Xornadas 'Márketing e Comunicación Política: 40 anos de autonomía', que organiza o Mestrado Universitario en Tecnoloxías en Marketing e Comunicación Política. As xornadas desenvolveranse no Salón de Graos do centro e inclúen conferencias maxistrais, mesas redondas e presentacións de publicacións.
Erika Jaráiz Gulías, coordinadora do posgrao, indica que o obxectivo principal das xornadas é“reflexionar sobre o significado que tivo para Galicia e para o conxunto do Estado máis de catro décadas de autogoberno, dende a perspectiva institucional, mais tamén dende unha perspectiva plenamente política”. Jaráiz engade que o encontro permitirá obter "una visión plural do feito autonómico en España, cos seus significados e cos seus retos futuros”.
As xornadas darán inicio o martes 13 de decembro ás 12 horas cunha conferencia maxistral titulada 'Unha interpretación Federal da Autonomía de Galicia' a cargo de Ramón Máiz, catedrático de Ciencia Política da USC, e presentada por Nieves Lagares Díez, profesora titular de Ciencia Política da institución. Esa mesma tarde ás 16.30 horas, Gabriel Colomé García. profesor titular de Ciencia Política da Universitat Autònoma de Barcelona e director do Institut de Ciències Polítiques i Socials, e Pablo Oñate Rubalcaba , catedrático de Ciencia Política da Universidad de Valencia e presidente electo da International Political Science Association, tomarán parte na mesa redonda 'A autonomía en Cataluña e Valencia', moderada por Xosé Luis Barreiro Rivas (profesor ad-honorem da USC e ex-vicepresidente da Xunta de Galicia).
O mércores 14 de decembro a xornada comezará ás 11.30 horas coa mesa 'A autonomía en Andalucía e Galicia', na que intervirán Juan Montabes Pereira, catedrático de Ciencia Política da Universidad de Granada e presidente da Asociación Española de Ciencia Política y de la Administración, e José Manuel Rivera Otero, profesor Titular de Ciencia Política da USC. Na sesión de tarde, ás 16.30 horas, presentarase o libro Las elecciones autonómicas 2017-2019 publicado polo Centro de Investigaciones Sociológicas e editado por Francisco J. Llera, Nieves Lagares e Juan Montabes, o cal, segundo Jaráiz, “conta cun amplo e variado cadro analítico, onde os editores e os autores foron capaces de non deixar fora ningún aspecto relevante do comportamento electoral para comprender a España plural”.
A xornada rematará ás 17.30 horas coa mesa redonda 'A autonomía en Madrid e País Vasco', na que participan Francisco Llera Ramo, catedrático de Ciencia Política da Universidad del País Vasco e Director do Euskobarómetro, e Irene Delgado Sotillos, catedrática de Ciencia Política da UNED.