Ir o contido principal

'Burbullas creativas'

Marta Pérez presenta a creación escénica ‘Sofía Unipersonal’ no Lugo Cultural

17.09.2020 / 21.00h-22.30h

Casa do Saber

O espectáculo, que ten un aforo limitado a 30 persoas, comeza ás 21.00 horas na Casa do Saber de Lugo. Os convites poden recollerse este mércores na Vicerreitoría de Lugo

Marta Pérez
Marta Pérez

A actriz e directora da Compañía de Teatro Inversa Teatro, Marta Pérez, presentará este xoves, a partir das 21.00 horas, na Casa do Saber de Lugo, a creación escénica ‘Sofía Unipersonal’, un espectáculo incluído na programación artística incluída este mes de setembro nas ‘Burbullas creativas’ promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.

‘Sofía Unipersonal’ constitúe unha acción escénica protagonizada por Marta Pérez e próxima ao teatro-conferencia, cuxa temática xira arredor da violencia machista, unha temática que a actriz e dramaturga pontevedresa nada na Cañiza xa tratou noutras creacións e pezas teatrais.

Os espectáculos incluídos nas ‘Burbullas creativas’ do Lugo Cultural teñen o aforo limitado a un máximo de 30 persoas, a fin de cumprir as esixencias normativas adoptadas por mor da COVID-19. Os convites para presenciar esta creación escénica poden recollerse de balde este mércores, de 10.00 a 13.30 horas, nas oficinas de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.09.2020.