Promovida co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a actividade diríxese a alumnas de primeiro de bacharelato e o formulario de inscrición estará aberto ata o 27 xaneiro

Coa vontade de promover o acceso e participación plena e equitativa de todas as persoas na ciencia, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, dá pulo á cuarta edición da Masterclass de física de partículas. Esta actividade dirixida exclusivamente a alumnas de primeiro curso de bacharelato de institutos de Galicia enmárcase dentro das accións que o IGFAE impulsa co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
A Masterclass terá lugar o próximo venres 10 de febreiro e contará cunha serie de conferencias introdutorias á Física de Partículas actual, alén de acoller unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN. Posteriormente, discutiranse os resultados mediante videoconferencia con este laboratorio e outros centros europeos que realizan a xornada simultaneamente.
O número de prazas está limitado a 40 e tan só poderán participar dúas alumnas por instituto. “Consideramos que esta xornada podería converterse nun incentivo para decantarse por carreiras científicas, polo que pedimos que se teña en conta este criterio na súa selección”, explican dende a organización. Ademais, dado que a discusión dos resultados será en inglés, este tamén será un requisito a ter en conta. O persoal docente acompañante das estudantes pode asistir e incluso participar activamente na Masterclass, se así o desexa. Deberá indicalo no formulario de inscrición que estará aberto ata o 27 xaneiro ás 23.59 horas. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada e o IGFAE farase cargo da manutención das persoas participantes.
Esta xornada nace como froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física (promotores da iniciativa) e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).