
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, organiza o 9 de febreiro a V Masterclass Internacional de Física de Partículas, dirixida a alumnas de 1º de bacharelato de institutos de Galicia, co obxectivo de achegarlles a física ás alumnas inscritas, que poderán realizar unha práctica experimental con datos reais do CERN. Farano a través das propias investigadoras do IGFAE, que compartirán algunhas claves do seu traballo e amosarán referentes femininas para as futuras xeracións de investigadoras.
A actividade desenvólvese para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que se celebra cada ano o 11 de febreiro. En 2024 a xornada adiántase dous días debido a que o 11 é domingo e nela poden inscribirse alumnas de 1º de bacharelato de institutos de Galicia.
O formulario de inscrición estará aberto desde o 15 ata o 28 de xaneiro ás 23:59 h. O profesorado que acompañe as estudantes pode asistir e mesmo participar activamente na Masterclass, se así o desexa, o que deberá indicar no formulario. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada. O IGFAE farase cargo da manutención.
