Organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e o Seminario de Iniciación á Investigación (SII) do centro, co apoio do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia e o Servizo de Normalización Lingüística.

O mércores 23 de novembro, entre as 16 e as 19.00 h, celebrarase na Facultade de Matemáticas 'Habelas, hainas', unha xornada de divulgación, destinada fundamentalmente a estudantes de grao e mestrado, que amosará a presenza desta ciencia en todos os ámbitos da vida. Ademais, será unha iniciativa para contribuír a normalizar o uso do galego nas matemáticas neste mes de novembro, en que se celebra a Ciencia en Galego.
Serán breves charlas de 30 minutos impartidas por cinco investigadoras/es mozas/os da Facultade, que intentarán presentar dun xeito desenfadado e sinxelo para que se empregan e que son as Matemáticas. Trátase dunha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e do Seminario de Iniciación á Investigación (SII) do centro, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística e o CITMAga.
Para asistir presencialmente na Aula Magna (190 prazas) é preciso inscribirse ata o 23 de novembro. As persoas que asistan recibirán un diploma acreditativo.
O acceso ás inscricións e a toda a información sobre 'Habelas, hainas' está dispoñible na páxina web do evento.