A USC colabora coa Real Academia Galega de Ciencias nesta homenaxe a quen fora profesor da Facultade de Bioloxía

A Facultade de Bioloxía acollerá o martes 19 de setembro ás 12.30 horas un acto de homenaxe na memoria do profesor Tito Antonio Varela López.
Promovido pola Real Academia Galega de Ciencias en Colaboración coa USC estará presidido polo reitor Antonio López Díaz, que dará apertura ao acto, e contará coas intervencións de Manuel Freire Rama. catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC e académico da RAGC, quen abordará a traxectoria do homenaxeado no seo desta entidade; de Rosario Calderón Fernández, catedrática de Antropoloxía Física da Universidade Complutense de Madrid, que afondará no “alto compromiso universitario” do profesor no eido da Antropoloxía Física; de José Luís Blázquez Caeiro, catedrático de Antropoloxía Biolóxica da USC, que lembrará a figura do que fora o seu director de tese; ademais de Jesús López Romalde, decano da facultade de Bioloxía da USC; e Juan Lema Rodicio, Presidente da RAGC.
Tito Antonio Varela López (1943-2023)
Natural do concello lucense do Saviñao, Tito Varela foi profesor de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía da Universidade de Santiago. En 1982 ingresou como académico da RAGC na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde e foi o seu secretario no período 1982-1990 e tesoureiro entre 1990 e 2013. Foi presidente da Sociedad Española de Antropología Física entre 1984 e 1987.
Logo de traballar na Universidade de Barcelona volveu a Galicia, á Universidade de Santiago, onde se centrou en diversas áreas da Antropoloxía Biolóxica. A súa tese de doutoramento, lida na Universidade Complutense de Madrid en 1973, versou sobre o estudo antropolóxico dos restos óseos procedentes de necrópoles visigodas da
Península Ibérica e tivo un importante impacto na comunidade científica da época. Posteriormente, traballou en consanguinidade e ADN mitocondrial.
Na súa última etapa en activo dedicouse á análise de secuencias Alu do ADN. Como investigador, estaba profundamente interesado na evolución humana e nas relacións filoxenéticas. Ao longo da súa dilatada traxectoria académica escribiu unha trintena de artigos científicos e dirixiu catro teses de doutoramento.
