Aula Magna

O grupo Histagra da USC reúne o luns 17 no seu ciclo Pasados Incómodos diversos protagonistas dos movementos políticos e sociais dos anos setenta para reflexionar nunha mesa redonda sobre o antifranquismo en Galicia.
Será ás 19.00 horas na Aula Magna da Facultade de Xeografía e Historia cando se darán cita Encarna Otero, compostelá militante desde 1967 no movemento estudantil e nacionalista e exiliada en 1971 en Toulouse; o vallisoletano Manuel Monge, activo militante veciñal e sindical e antifranquista na ORT; Luís Gonçales Blasco “Foz”, membro do Consello da Mocidade (1962) e da UPG (1964) exiliado que asinou a Carta de Brest; Carlos Baliñas, candidato ao Senado 1977 pola Candidatura Democrática Galega; Anxela Loureiro, militante das XXCC de Ferrol e CCOO do comercio, e Alfonso Tellado, traballador da Bazán desde neno e activo militante sindicalista durante a transición.
O debate presentarao o catedrático Lourenzo Fernández Prieto, profesor de Hª Contemporánea II, materia do 3º curso de Historia na que se enmarca esta actividade.
