Facultade de Filosofía

O Salón de Actos da Facultade de Filosofía acolle o mércores 10 de abril ás 19:30 a mesa redonda ‘A Paixón de Simone: a filósofa Simone Weil na ópera de Kaija Saariaho’ na que intervirán a filósofa, catedrática de Filosofía Moral e Política xubilada da USC, María Xosé Agra, o decano do centro anfitrión, Xavier de Donato, e a directora de orquestra portuguesa convidada pola real Filharmonía de Galicia Joana Carneiro, quen se encargará da dirección da obra musical. A entrada é libre ata completar o aforo.
Weil foi unha filósofa e activista francesa que tomou parte ante a opresión social sufrida por algunhas esferas da poboación durante a Segunda Guerra Mundial. Os seus escritos foron publicados despois da súa morte, que tivo lugar en 1934 tras iniciar un proceso de folga de fame, e as súas ideas serviron de inspiración para escritoras como Simone de Beauvoir.
O acto contará ademais como presentación do concerto que terá lugar ao día seguinte, xoves día 11, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia, no que se interpretará a ópera-oratorio da compositora finesa Kaija Saariaho "A Paixón de Simone", dedicada á filósofa e activista política francesa Simone Weil (1909-1943). O concerto desenvolverase baixo a batuta de Joana Carneiro e do director asistente Sebastián Zinca e coa participación da soprano Karen Vourc’h.
Ademais, o recital contará coa narración de Inés Salvado; a actuación do cuarteto vocal composto por Ângela Alves, Joana Valente, André Lacerda e Luis Pereira; e a interpretación da bailarina Inês Pedruco.