Ir o contido principal

Exposición

'Microbioloxía. Explorando máis aló do visible'

Do 27 de setembro ao 10 de novembro

Santiago de Compostela
Claustro Alto

O catedrático de microbioloxía na USC, Jesús L. Romalde, é o comisario en Compostela desta exposición divulgativa auspiciada pola Sociedade Española de Microbioloxía (SEM) e polo Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN)

Cartel da exposición
Cartel da exposición

O Claustro Alto do Colexio de Fonseca acolle dende o martes 27 de setembro a mostra ‘Microbioloxía. Explorando máis aló do visible’, unha exposición auspiciada pola Sociedade Española de Microbioloxía (SEM) e polo Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN) que chega a Compostela grazas á colaboración coa USC.

A exposición procura fomentar entre a comunidade universitaria e a cidadanía compostelá o coñecemento sobre os microorganismos e poñer en valor a súa singularidade e o importante papel que xogan na vida cotiá.

Na xornada previa, o día 26 de setembro, haberá un breve acto de inauguración da mostra no que tomarán parte a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández; o decano da Facultade de Bioloxía, Jesús López Romalde; e Asunción de los Ríos, do Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN), pertence ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Tras unha primeiro período de exhibición no MNCN a finais do ano pasado, no que a SEM celebraba o seu 75 aniversario, a exposición inicia con esta visita unha andaina por diversas localizacións da xeografía española na que Compostela constitúe a primeira parada. Poderá visitarse ata o 10 de novembro. 

O catedrático de microbioloxía na USC, Jesús L. Romalde, é o comisario en Santiago desta exposición divulgativa a través da que se poderá descubrir un fascinante universo que non vemos debido ao seu pequeno tamaño, pero que é infinito e imprescindible para a vida neste planeta.

Ao longo das súas cinco seccións, Os microorganismos son diversos e ancestrais, Diversidade microbiana, Onde e como podemos atopar aos microorganismos?, Que contribucións teñen os microorganismos nas nosas vidas? e Microorganismos na era do Antropoceno: riscos e oportunidades, coñeceranse efectos prexudiciais dos microorganismos e, sobre todo, a súa convivencia pacífica coa maioría dos seres vivos do planeta, así como os seus efectos beneficiosos ou os numerosos procesos da nosa vida cotiá nos que participan. Por último, incídese nas súas contribucións biotecnolóxicas e biomédicas, e no seu enorme potencial para facilitar un desenvolvemento máis sostible e mellorar a nosa calidade de vida actual e futura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2022.