O concerto da cantautora arzuá desenvolverase este xoves, a partir das 20.00 horas na terraza da Casa do Saber de Lugo. O público interesado pode retirar xa as entradas de balde na Vicerreitoría da USC en Lugo

A cantautora arzuá MJ Pérez repite este verán no cartel da programación do Lugo Cultural e actuará este xoves 16 e xullo, no ciclo ‘Na Bocanoite’, no escenario habilitado na azotea da Casa do Saber para ofrecer, a partir das 20.00 horas, ao público lugués as composicións incluídas no seu último traballo, ‘A Luz Prendida’, así como outras pezas senlleiras dun repertorio cada vez máis amplo e que xa suma varios discos.
O cuarto álbum de MJ Pérez, o segundo de estudio, é un disco de 15 temas no que a luz é protagonista, presente de forma constante ao longo de todo o disco, un traballo do que poderá gozar de balde o público lugués da man do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
As persoas interesadas en asistir ao concerto poden retirar xa hoxe, de 10.00 a 13.00 horas, os convites que se entregan na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. De non esgotarse as 86 entradas postas a disposición do público, o público interesado en presenciar o concerto desde as butacas habilitadas no adro da catedral luguesa aínda poderán retirar o xoves en quenda de mañá as correspondentes de entradas na Vicerreitoría da USC en Lugo.
No caso de choiva o espectáculo musical desenvolveríase no auditorio da Casa do Saber. Dado que a capacidade destas dependencias universitarias son limitadas e a fin de cumprir coa legalidade, os organizadores de ‘Na Bocanoite’ adaptarían o concerto a dous pases de media hora. As entradas do 1 ao 43 accederían ao primeiro pase, programado para as 19.30 horas, e do 44 ao 86 poderían acceder á segunda sesión, prevista para ás 21.00 horas.