Ir o contido principal

Mostra e concerto 'Adriano 80. Vida e obra. 80 anos do nascimento de Adriano Correia de Oliveira'

28.04.2025 | 15.30h
Detalle do cartel
Detalle do cartel

Adriano Correia de Oliveira, un dos máis destacados "cantores de intervenção" portugueses, que musicou poemas de Rosalia de Castro ou Curros Henríquez, chega á Facultade de Filoloxía para lembrar e honrar o 25 de abril, Día da Liberdade. Así, o luns 28 de abril ás 15.30 horas terá lugar no auditorio da facultade a inauguración da mostra 'Adriano 80. Vida e obra. 80 anos do nascimento de Adriano Correia de Oliveira'. O acto contará coa presenza de  Silvestre Lacerda e coas actuacións musicais de Miguel Calhaz e Manuel Rocha.

A exposición aborda os primeiros pasos na infancia e na xuventude e nas loitas estudantís no Portugal de Abril, recolle a vida de Adriano nos anos de resistencia e clandestinidade e mostra a evolución da súa música, que bebe do contacto cos pobos de Portugal e do resto do mundo e da poesía.

Miguel Calhaz é músico, compositor, cantor, contrabaixista e profesor, e mantén diversos proxectos musicais nos campos do jazz, da world music e da música portuguesa. É membro da Asociación Museu da Música de Coimbra (MUS.MUS.CBR), onde desenvolve actividades artísticas e labor educativo.

Pola súa banda, Manuel Rocha desenvolve a súa actividade no ámbito da chamada música popular. Membro da Brigada Victor Jara desde 1977, presentouse en escenario e/ou en rexistro fonográfico xunto a numerosos artistas, realizou traballos para televisión, teatro e cinema. É socio, desde a súa fundación, do Centro Artístico, Cultural e Desportivo Adriano Correia de Oliveira.

A mostra permanecerá aberta no 2º andar e escaleiras da facultade até o 28 de maio.

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2025.