Simposio organizado polo Grupo Galabra e a Rede Galabra

O V Encontro Internacional da Rede Galabra reunirá, entre os días 10 e 11 en Filoloxía, integrantes deste equipo multidisciplinar procedentes de nove universidades de tres continentes para reflexionar arredor do lema deste ano, ‘Narrativa, comunidades e territórios’. O programa proposto busca ofrecer propostas e reflexións sobre diversos asuntos de actualidade e sobre consideracións teóricas e aplicadas na esfera investigadora e de transferencia. Entre as cuestións a analizar figura aspectos como a saúde mental e a docencia en remoto en tempos de pandemia; ensino e ruralidade ou linguas e poder en Angola; ensino e identidade en Mozambique; ou decrecemento e economía circular.
Tamén se abordarán cuestións teóricas, de xénero, Camiño de Santiago e a investigación sobre comunidades e patrimonio, agricultura rural e urbana e traballo sobre a idea de satisfacción no medio rural galego, feiras do libro e diplomacia cultural, arte urbana, emigración galega, procesos de canonización en Brasil ou procesamento da linguaxe natural, entre outros temas. O programa rematará cunha conferencia sobre a canción en galego no tardofranquismo. En total, o programa inclúe catro conferencias, catorce comunicacións, dúas mesas redondas e un seminario.
O encontro, que terá lugar no Salón de Graos da Facultade, está aberto á asistencia do estudantado e das persoas interesadas en participar nas actividades programadas. Por motivos de capacidade da sala, quen desexe facelo deberá enviar un correo electrónico a felisa.prado [at] usc.gal (felisa[dot]prado[at]usc[dot]gal) e insuamigonoa [at] gmail.com (insuamigonoa[at]gmail[dot]com), manifestando a sua vontade. As persoas que asistan cando menos ao 80% do total das sesións recibirán un certificado de presenza.
Galabra
A Rede Galabra (de investigación nos sistemas culturais GAlego, Luso, Africanos de lingua portuguesa e BRAsieleiro) está constituída por catro grupos homónimos, cuxa matriz foi o da USC, procedentes da Universidade Federal de Goiás (Brasil), de Minho (Portugal) e do Instituto Superior de Educaçao de Luanda (Angola), ademais de preto de medio cento de persoal investigador das universidades galegas, de diversas españolas e brasileiras.
A rede traballa na investigación e a transferencia transdisciplinar con diversas orientacións e equipos no ámbito das ciencias sociais e humanas. Así, reúne persoal investigador da área dos estudos da literatura, a antropoloxía, a economía, a ecoloxía, o dereito, a lexicografía, a socioloxía, a lingüística computacional ou o turismo, definindo un cadro xeral de investigacións en cultura, entendida esta como o modo en que persoas e comunidades clasifican e interveñen no mundo.